Película e petiscos

E pechamos os Cantos de Reis deste 2026 como debe ser: vendo unha película xenial no cinema e merendando todos xuntos cos froitos do noso aguinaldo!

Os Cantos de Reis no Telexornal

Onte, como todo 4 de xaneiro, fomos cantar ós Reis por Pontevedra adiante e fixémolo tan ben que os do Telexornal Serán da TVG non puideron evitar pechar o seu programa con nós. Mirade que ben saímos e que ben cantan as nenas e nenos!

https://www.g24.gal/-/os-cantos-de-reis-escoitanse-polas-ruas-de-pontevedra-grazas-aos-chichisos?fbclid=IwY2xjawPIgT5leHRuA2FlbQIxMQBzcnRjBmFwcF9pZAwzNTA2ODU1MzE3MjgAAR5fS8btUTee7bubKRD4jIPyt1rCeGrceZkjdPzqza_iunowpLs06nJAcRp5NQ_aem_xxJoK7KWRNJ2OrMaCekh0w

Cantos cantos!

Hoxe saímos no Diario de Pontevedra. Imos a polos 24!

Comezamos os ensaios!

Comezamos os ensaios dos Cantos de Reis un ano máis (e vai para 24!) con rapaces e rapazas de Marcón, A Parda, Tomeza, Salcedo, Bértola, O Toural… O domingo 4 de xaneiro, coma xa é costume, cantaremos polas rúas e prazas de Pontevedra.

Misterio resolto!

Braulio Bolechas achegouse ata Pontevedra para coñecer a tradición dos Cantos de Reis da man d’Os Chichisos! Apetécevos velo? Aquí vos deixamos o programa. E que vivan os Cantos de Reis!

https://www.xabarin.gal/videos/detail/304267-pontevedra

A Melchor, Gaspar e Baltasar

Queridos Reis Magos:

Somos Os Chichisos e este ano portámonos fenomenal, aínda que recoñecemos que algunha falcatruada que outra tamén fixemos. Ensaiamos moito e moi centrados, mantivemos en boas condicións os nosos instrumentos e tocamos sempre SEMPRE cun sorriso na cara. Por iso queriamos pedirvos un agasallo anticipado: que moitos nenos e nenas se animen a cantar con nós os Cantos de Reis. Así poderemos manter a nosa tradición de ir cantar polas prazas de Pontevedra e vós poderedes comprobar de primeira man o moito que merecen eses peques os agasallos que lles daredes. Ademais, eles pásano xenial cantando e xogando cos amigos, e ver nenos felices é unha gozada para todos.

Agardamos que tiverades un moi bo ano e esperamos impacientes a resposta á nosa petición.

Unha aperta moi grande,

Os Chichisos

PD: ímosvos deixar unhas galletas caseiras onde sempre, a ver se esta vez os paxariños vos deixan algunha migalla.

Temos un misterio…

Que andarán a argallar Os Chichisos con Braulio Bolechas? Estarán a prepararnos unha sorpresa? Atentos á resolución deste misterio! Proximamente na TVG…

É tempo de magosto!

Os Chichisos tocaremos no magosto do Sartal (Poio) o vindeiro sábado día 15 de novembro ás 19.30. Que mellor plan que ir comer unhas boas castañas mentres soa a nosa música? Imposible resistirse!

Obradoiro de pandeiro

Hoxe tivemos o obradoiro de construción de pandeiro con Xosé Maceda. Entre peles, madeira e fío, cada participante logrou facer o seu propio pandeiro grazas a un mestre atento, paciente e didáctico. E malia a frustración de pelexar coas agullas e a torsión da pel (moito nos acordamos das empanadas), tivemos unha gozada de xornada! Dramático e emocionante, que máis podemos pedir?

Obradoiro de construción de pandeiro cadrado

O vindeiro sábado 18 de outubro realizaremos un obradoiro de construción de pandeiro cadrado con Xosé Maceda, aberto a todas esas persoas que queiran aprender a construír o seu propio instrumento e, xa de paso, levar un feito por si mesmo para casa. Ten un custo de 70 euros. Dádevos présa a inscribirvos! As prazas son limitadas!

Máis información no seguinte cartaz 😉