Foliada do Demo 2025

Arre, demo! Que ben o pasamos de novo na foliada deste ano! O 23 de agosto celebramos un ano máis as desvirtudes e maldades do Demo Noso Señor cos compañeiros de Comando Curuxás e as bailarinas e bailaríns dos Trazantes de Tenorio.

O ano que vén repetiremos! (Se o Demo quere…)

Vémonos este sábado!!

Agardámosvos na Foliada do Demo, que será este sábado 23 de agosto ás 21.30 na praza Curros Enríquez (Pontevedra). Collede as vosas roupas dos anos 50 e achegádevos ata nós para bailar un bo agharrado. Non faltedes!

Día de Rosalía 2025

Os Chichisos festexamos de novo o día de Rosalía de Castro facéndolle unha pequena homenaxe á nosa gran e ilustre escritora. Cantamos por e para ti, Rosalía!

Quen vai a Santa Comba…

Os Chichisos na celebración de Santa Comba, patroa da parroquia de Bértola no concello de Vilaboa. Santa Comba ex-meiga, xunto co seu veciño San Cibrán de Tomeza… “O que vai a Santa Comba e non vai a San Cibrán, fai a viaxe en van”. Dito queda.

Os Reis e Os Chichisos

Un ano máis (e xa van 23!) o grupo Os Chichisos acompañados de diversos instrumentos coma o acordeón, gaitas, guitarra, tamboril, bombo, etc., e un grupo de nenos e nenas, xuntámonos para levar os “Cantos de Reis”, polo concello de Pontevedra.

OS CANTOS DE REIS

Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. En troques do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada. Aínda que o tipo de composición múdase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa. En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as xaneiras, manueis ou aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos. Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis, a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir. Case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño, o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.

Estes cantos de Reis adoitaban comezar cunhas estrofas de presentación dos “reiseiros” na que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa dos que visitaban. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban rematar cunha estrofa de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos cos demais. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar. Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo. Moitos destes cantares son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agrada-los anfitrións. Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paus, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas.

Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal, as rondallas. A orixe da tradición vén xa de lonxe, existindo rexistros dende 1920. Os vellos din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa e ían de pasarrúas polos barrios.

Os cantos de Reis era e é unha das tradicións máis fermosas do tempo de Nadal. Forman parte importante do noso patrimonio cultural, polo que é un tesouro que debemos manter.

PROGRAMA

Días de ensaio : 26, 27 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na Casa do Pobo de Bértola – Vilaboa ás 20:00 h 4 de xaneiro: CANTOS DE REIS de 17:30h a 20:00h polas prazas e rúas de Pontevedra (Praza da Liberdade, Praza de San Xosé, Rúa da Oliva, Rúa da Peregrina/Daniel de la Sota, Praza da Peregrina, Praza da Ferrería e Praza de Curros Enríquez). Actividade incluída dentro do Programa de Nadal do Concello de Pontevedra.

Máis info.: 676842942

Queridos Reis Magos…

Estás escribindo a carta aos Reis Magos e non tes claro que foses tan bo/boa durante o ano? Queres conseguir uns puntiños extra cos Reis para que che traian aquilo que pediches? Foches boísim@ pero aínda así queres agradecer de antemán os agasallos que vas recibir? Pois en todas estas situacións e moitas máis… este é o teu plan! Acompáñanos a cantarlle aos Reis Magos! Non só eles estarán contentos, senon que ti tamén o pasarás XENIAL!

Foliada do demo 2024

De novo outro 23 de agosto Os Chichisos agardamos pola chegada do señor Demo na praza de Curros Enríquez (Pontevedra) para recibilo coma merece: cunha gran foliada na súa honra! Acompañáronnos este ano os grandes compañeiros e compañeiras da agrupación SilvaRedonda, que viñeron dende Rianxo para festexar con nós.

Festa das Dores (Bértola)

Un ano máis Os Chichisos fomos convidados á Festa das Dores da parroquia de Bértola (Vilaboa). Graciñas á comisión polo convite e… ameazamos con voltar!

Eeeeeei, carballeira!

Onte asistimos ao Curso de aturuxo impartido por Pablo Carpintero e organizado por Os Chichisos dentro das actividades de Ponteverán 2024 do Concello de Pontevedra. Ledicia e a berrar!!

Festa do Carmen en Marín

Este martes 16 Os Chichisos fomos convidados, un ano máis, a participar na procesión marítima da Virxe do Carmen, por “Pescados Ana Cris” no barco Ensenada de Bueu.
Graciñas polo convite e o cariño que recibimos por parte desa gran familia mariñeira.